|
O grupo municipal do Partido Popular considera que as medidas de tráfico aplicadas polo concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Xulio Calviño, na Avenida de Europa con motivo do retorno de vehículos das praias, que se veu obrigado a suspender ante as numerosas incidencias que causaban, veñen a amosar unha unha vez máis a "irresponsabilidade" do concelleiro.
Para o PP, a decisión de Calviño de abortar o dispositivo especial de tráfico presentado a primeiros de xullo para rematar cos problemas no retorno das praias "non é unha sorpresa". "Dende fai tempo vimos denunciando a falla de criterio e rigor dun Departamento como o de Tráfico, que carece de directriz e orientación, e que polo tanto está a funcionar de maneira impulsiva, sen prever as súas consecuencias", critican.
O grupo municipal considera que os días que Vitrasa aplicou, por indicación imperativa e taxativa do concelleiro, o dispositivo na avenida de Europa para alixerar e potenciar o transporte urbano, "a repercusión foi tan negativa para os vehículos que voltaban das praias cara ó centro da cidade, que os colapsos de tráfico remataban por crispar os condutores". "Non ten sentido ofrecer tres carrís de tráfico para o retorno e atoparse á altura do Colexio Amor de Dios con dous carrís, que provocan un estreitamento do vial e, polo tanto, retencións permanentes", explican.
Dende o PP lamentan as decisións experimentais que "lamentablemente teñen que paceder os cidadáns de Vigo" en materia de tráfico e consideran que a aplicación de medidas nunha vía neurálxica de acceso e retorno dos areais da nosa cidade merece, como mínimo, un estudo serio e rigoroso.
Por iso, dende o Partido Popular solicitan ao concelleiro delegado de Mobilidade e Seguridade que se aserore para a aplicación de futuras medidas en materia de tráfico na cidade. |