| O tenente de alcalde vigués e presidente do Consorcio do Casco
Vello, Santiago Domínguez Olveira, lamentou hoxe a visión
"absolutamente parcial" ofrecida no programa 'Callejeros' que emitíu a
canle de televisión Cuatro o pasado venres sobre o Casco Vello de Vigo.
En rolda de prensa, Domínguez Olveira salientou que a información
que se ofreceu "é veraz, pero non reflicte o conxunto do Casco Vello
vigués”. Tamén recalcou que o problema “non é que esta situación saia
na televisión, senón que exista”.
“Non entendemos o por que desta visión xa que eles mesmos, no
momento da grabación do programa, recoñeceron que saltaba a vista o
esforzo de rehabilitación que se está levando a cabo”, explicou o
tenente de alcalde, quen indicou que os responsables da reportaxe
comprobaron o traballo desenvolvido na zona durante as conversas que
mantiveron coa Asociación de Veciños do propio Casco Vello.
“Non lamento esta visión pola miña responsabilidade política, senón
polos veciños e veciñas que levan moitos anos en esta situación e agora
están colaborando co Goberno local e o Consorcio do Casco Vello para
buscar solucións aos problemas do barrio”, salientou o responsable
nacionalista. Neste sentido indicou que incluso os comerciantes da zona
manifestaron publicamente o seu disgusto polo feito de que o programa
transmitise unicamente unha parte da vida do Casco Vello.
Domínguez Olveira manifestou non entender por que “algúns” se rasgan
as vestiduras tras ver as imaxes de televisión. “Parece que o único
problema é a emisión do programa e non a situación de parte do barrio
cos indixentes e os puntos de compra e venda de droga”, manifestou en
relación as declaracións feitas polo concelleiro do PP, José Manuel
Figueroa, quen reclamou a expropiación de 200 vivendas no barrio por
parte da Consellería de Vivenda. “Como se pode saír do último pleno
reivindicando unha xestión de 30 millóns de euros en investimentos para
o Casco Vello e apuntarse ás críticas tras un programa de televisión”,
pregúntase o tenente de alcalde. “Isto é carroñería política”,
subliñou.
Na súa opinión “ao ver as imaxes de televisión sobre o Casco Vello
de Vigo “el era o primeiro que tiña era que sentirse profundamente
avergoñado, porque foron 16 anos de goberno do Partido Popular na Xunta
e 16 anos nos que o Casco Vello estivo completamente abandoado”.
Ao respecto sinalou que o concelleiro do PP coñece o esforzo
desenvolvido pola Consellería de Vivenda para adquirir as vivendas,
“polo que actuando así non está sendo fiel aos 66.000 votantes dos que
tanto presume”.
Domínguez Olveira indicou que cando unha cidade é tratada con tanta
parcialidade, os políticos deben unirse “para reivindicar que isto non
é así e non facer oportunismo político”. Ademais indicou que tiña
esperado de José Manuel Figueroa que manifestara que o Casco Vello “xa
está en marcha, e teño que lamentar que non o fixera”.
Actuacións no barrio histórico
En contraposición á imaxe ofrecida polo programa, o tenente de
alcalde deu conta das variadas actuacións que se están a levar a cabo
no Casco Vello dende xuño do ano pasado, momento no que se fixou uns
obxectivos en colaboración coa Consellería de Vivenda “e un programa de
televisión non os vai variar”.
Neste sentido salientou que o orzamento do Consorcio, que ascende
aos 7.413.500 euros para este ano 2008, é o máis alto ata esta data.
Desta cifra, segundo explicou Domínguez Olveira, 6.124.517 euros
destinaranse á adquisición e rehabilitación de inmóbeis para
habilitalos, preferentemente, como vivendas protexidas e dotacións
necesarias para revitalizar o barrio. Indicou que nos últimos dous anos
foron adquiridos por esta entidade coarenta edificios para a súa
rehabilitación, “algúns dos cales xa teñen iniciadas as obras de
vaciado do interior” e que dende xuño do ano pasado se pagaron 73
actuacións de rehabilitación. “Os 16 anos de goberno do PP na Xunta non
resisten ningunha comparación cos últimos tres anos de goberno da Xunta
en canto a obxectivos e investimentos”, subliñou.
|