|
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou onte o convenio de colaboración entre a institución e o Concello de Vigo para o mantemento do piso tutelado para mulleres maltratadas. Durante o ano 2007, foron usuarias da Casa Municipal de Acollida un total de 23 mulleres, das cales 17 ingresaron este mesmo ano e as 6 restantes remataban a súa estancia nese exercicio. En total, 49 persoas ocuparon o centro: 23 mulleres e 26 nenos e nenas. A isto hai que sumarlle 1 usuaria que convive coa súa filla e o seu fillo no piso tutelado, manténdose con eles unha estreita relación de contacto.
Poderán ingresar na Casa de Acollida de Vigo as mulleres maltratadas física e psicoloxicamente, maiores de idade, con ou sen fillos que sexan capaces de valerse por se mesmas e que presenten a correspondente denuncia contra o seu agresor.
A Deputación Provincial de Pontevedra destinará no presente exercicio un investimento de 107.752,68 euros para o mantemento da casa de acollida e ó piso tutelado de Vigo (60.667,68 euros para o mantemento de gastos da casa de acollida municipal e 47.085 euros polo servizos).
Con estas actuacións no eido dos Servizos Sociais, a Deputación Provincial en colaboración co Concello de Vigo posibilitará que as mulleres maltratadas de distintos municipios da provincia de Pontevedra conten cunha axuda efectiva para fuxiren da violencia de xénero.
Ademais de contar cun espazo onde vivir lonxe do maltratador, nas casas de acollida as mulleres reciben a atención e formación necesarias que lles permita ter máis e mellores opcións á hora de atopar un traballo para seren independentes economicamente, refaceren a súa vida e cubrir as necesidades dos seus fillos.
Pola súa banda, o Concello de Vigo proporcionará un teléfono de urxencia que funcionará as 24 horas do día, atendido por persoal especializado. Do mesmo xeito, reservará 10 prazas para usuarias dos distintos municipios da provincia.
|