|
O Grupo Popular de Galicia rexistrou na Cámara unha proposición non de lei na que insta á Xunta a crear un consorcio que se faga cargo da posta en funcionamento e do mantemento da estación depuradora de augas residuais de Guillarei (Tui). A fórmula proposta polo PPdeG permitiría poñer en servizo as instalacións construídas pola Confederación Hidrográfica do Norte e que, a pesar de estar rematadas desde abril de 2006, aínda non foron postas en funcionamento xa que o elevado custe do seu funcionamento non pode ser asumido en solitario polos concellos aos que debería atender. O consorcio proposto polo PPdeG estaría integrado polos concellos de Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui e polo organismo autónomo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e faríase cargo dos custes derivados da operatividade da EDAR.
A través dun comunicado, o deputado César Pérez Ares explica que a sua proposta tamén pretende instar á Confederación Hidrográfica do Norte para que execute as obras pendentes nos distintos concellos aos que debe prestar servizo a EDAR deseñada para depurar a conca dos ríos Louro, Caselas e o tramo final do Miño, unha área que concentra un elevado volume de industrias e na que está asentada unha poboación de arredor de 50.000 persoas, aínda que este volume se incrementan exponencialmente no verán. A construción da EDAR do Guillarei contou cun investimento próximo aos 100 millóns de euros, dos que 25,5 millóns de euros corresponden á propia depuradora e 71,4 millóns de euros á rede de colectores proxectados para canalizar os vertidos desde os diferentes puntos do territorio ao que vai dar servizo.
Que a estación depuradora continúe sen estrearse sequera máis de dous anos despois de ser rematada constitúe, en opinión de Pérez Ares, "un luxo que non podemos permitirnos, ao tempo que supón unha mostra elocuente da política ambiental desenvolvida polo Goberno bipartito, que consiste en paralizar, aprazar e mirar para outro lado en lugar de resolver as carencias dos cidadáns". A proposición non de lei que busca a inmediata posta en marcha da depuradora de Guillarei tamén está asinada polo portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira Broz.
|