O Grupo municipal do Partido Popular de Tomiño, a través do seu portavoz, César A. Pérez Ares, manifestou onte nun comunicado a súa "disconformidade" co actual proxecto de remodelación que o Concello ten previsto para a Praza da Mina e rúas adxacentes en Tomiño "por presentar numerosas carencias técnicas e tras manter unha reunión cos comerciantes e veciños/as afectados/as onde mostraron o seu temor polas previsibles perdas económicas que esta actuación pode acarrear".
A alcaldesa, Sandra González, reuniuse o pasado mércores, 10 de setembro, cos veciños/as e donos/as dos locais comerciais da Praza da Mina e rúas contiguas para facer un relato das “bondades” que este proxecto vai supoñer sen ter en conta as posibles e previsibles perdas económicas que para os locais comerciais alí instalados suporán as obras previstas e posteriormente a conversión da zona nunha área sin aparcamento.
Comerciantes afectados trasladaron a Pérez Ares a sua “decepción” pola decisión tomada unilateralmente polo Concello que non tivo en conta as demandas que de maneira reiterada lles foron plantexadas á rexedora e ó concelleiro de Urbanismo. Unha actuación que evidencia que as frecuentes “chamadas ó diálogo” que ten por costume facer este Goberno é pura retórica.
O PP recorda que "os comercios de Tomiño non soamente estan enfocados aos residentes no lugar. Son numerosos os veciños/as doutras parroquias que veñen cos seus vehículos a realizar as súas compras aquí; polo que favorecer o acceso aos mesmos é determinante para incentivar o comercio local". Tal é asi que actualmente a Praza da Mina presenta un gran "dinamismo e viveza" e supón a principal arteria do comercio tomiñés. Dinamismo, sen dúbida favorecido pola posibilidade de circulación e de aparcamento que a zona ofrece.
É por isto que este grupo municipal mostra o seu desacordo con esta decisión do Concello e apoia aos comerciantes e veciños/as que mostran a súa preocupación por este proxecto por considerar que pode dar lugar a que a Praza da Mina se convirta nunha “zona esquecida” que quede ó marxe da actividade comercial e que corre o risco de convertirse nun futuro en zona de concentración da xuventude para levar a cabo o famoso “botellón”.
|