|
O portavoz do Grupo municipal do Partido Popular de Tomiño, César A. Pérez Ares, fixo públicas onte nun comunicado as "queixas manifestadas por numerosos/as automobilistas ante o feito de ser sancionados/as por aparcar nas denominadas zonas azuis que se habilitaron en varias rúas do centro de Tomiño".
Segundo Pérez Ares, "os propios afectados dirixíronse ao Concello para solicitar o disco e comprobaron con asombro que non había". Tamén os propios comerciantes das zonas onde estan establecidas as zonas reguladas de estacionamento teñen solicitado ao Concello e concretamente a concelleira responsable Julia Cascón para que lles foran entregados máis discos e con máis periodicidade xa que non podían satisfacer as demandas dos potenciais usuarios.
Dado que a a día de hoxe prácticamente ningún local comercial conta cos devanditos discos o PP califica de "incompetencia e falta de previsión" a actuación da concelleira, "que é incapaz de prever estar circunstancias". Unha "desidia" que esta ocasionando sancións económicas a numerosos conductores.
César Pérez Ares lembra no seu comunicado que a ordenanza reguladora entrou en vigor o día 3 de xuño e levou consigo un número importante de aparcamentos que terán horario limitado. Pérez propón que as persoas afectadas por estas sancións presenten alegacións ante o Concello e considera que non se debe multar a ninguén "toda vez que foi por causas non atribuibles a eles/elas como é a carencia dos discos nos lugares indicados".
Por outra banda, César Pérez Ares pedirá aos alcaldes e representantes do Partido Popular na Mancomunidade do Baixo Miño que se faga un modelo de disco que poida ser válido para os tres concellos que teñen implantado a zona azul (Tui, Tomiño, A Guarda) para desta maneira facilitar a posta en práctica deste modalidade de aparcamento con horario limitado. |