| |  | | | | | No mes que remata impartiu un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 31 persoas e que se estenderon ao longo de 36 horas. REMITIDA. | | | |
O Centro de Dinamización de Salceda de Caselas remata o mes con 32 usuarios máis. A iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Salceda de Caselas en xaneiro de 2007, foron xa 496 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 96 obradoiros que contaron con 683 participantes.
No mes que remata impartiu un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 31 persoas e que se estenderon ao longo de 36 horas. Os obradoiros impartidos foron de variada temática, desde "Manexo do teclado e do rato: "Iniciación á mecanografía", "Iniciación á informática: Linux" e "Procesador de textos: Writer", todos eles dirixidos á poboación adulta, até "Xogos educativos en internet", orientado á infancia.
Cabe salientar que por mor da celebración das festividades do 17 de maio, conxuntamente os concellos de Salceda de Caselas e O Porriño realizaron a iniciativa: "30X30= Ramón Piñeiro", a cal consistiu en respostar en trinta minutos ao maior número de preguntas sobre Ramón Piñeiro. As dez persoas que máis preguntas acadaron foron agasalladas cun lote de regalos da Rede.
Asemade, 32 persoas inscribíronse como usuarios da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 465 ocasións.
Novos obradoiros
No mes de xuño os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes: "Procesador de textos: Writer", con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Desenvolverase os luns, mércores e venres, do 1 ao 17 de xuño, en horario de 10.30 a 12.00 horas; "Alfabetización dixital: Informática e Internet": o usuario/a ao rematar este obradoiro será capaz de manexar de forma básica un computador, así como de acceder a Internet e utilizar algúns dos recursos básicos dispoñíbeis. Asemade, realizarase os luns, mércores e venres, do 19 de xuño ao 1 de xullo de 10.30 a 12.00 horas; "Memoria dos oficios: videomontaxe", este obradoiro pretende facer que os usuarios/as sexan capaces de elaborar un vídeo que narre unha historia con imaxes, música e voz en off. Vai ter lugar do 4 ao 30 de xuño, os martes e xoves, de 9.00 a 12.00 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla "Presentación da iniciativa Memoria dos Oficios". Esta, que terá lugar o día 2, ás 9.30 horas na Aula da RDSI, consistirá en dar a coñecer dita iniciativa e en captar a persoas que tiveran un oficio tradicional, con valor etnográfico, e que estean interesadas en formar parte da mesma. Por último, xa de cara ao mes de xullo realizarase algún obradoiro para os máis pequenos/as, dado que as prazas serán limitadas, as persoas interesadas a partires do día 8 de xuño poden comezar a informarse e preinscribirse.
Para inscribirse ou para solicitar máis información poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Salceda de Caselas, sito na Praza do Concello, s/n, chamar ao teléfono 986.349.003 ou mandar un correo electrónico ao enderezo leticia.salceda@dinamiza.sociedadedainformación.eu.
|