| |  | | | | | Comezou a carreira polo voto. Millán Mon desprazouse este martes ata Salceda para convencer os veciños a votar no Partido Popular. R.D. | | | |
O candidato ao Parlamento Europeo nas próximas eleccións do 7 de xuño, o popular Francisco Millán Mon, percorreu este martes as principais rúas do casco urbano de Salceda onde, acompañado dos membros da xestora do PP salcedense, manifestou que "Europa é moi importante porque é alí onde se deciden moitas cousas tamén para Galicia, como pode ser en materia de gandería y pesca, onde Galicia é a primeira zona pesqueira de Europa".
Millán Mon, que é eurodeputado dende o ano 2004, dixo que estas eleccións son tamén "moi importantes" porque, a partir do momento que entre en vigor o Tratado de Lisboa, "reforzaranse as competencias do Parlamento Europeo, xa que o Consello Europeo necesitará do consentimento do Parlamento debido ao procedemento de co decisión". Este reforzo é visto con bos ollos polo deputado europeo porque "alí trátanse temas decisivos para Galicia", lembrou.
Ademais, para Millán Mon Europa "pode axudar a saír da crise coordinando as accións dos países, ben sexa a través do Banco Central Europeo ou establecendo melloras na seguridade dos sistemas financeiros". Por iso "é importante", na súa opinión, que Europa de un xiro ata a centrodereita "porque para facelo mal xa están os socialistas en Madrid".
Por último, e iso é o que intentou transmitir aos salcedenses durante o seu recorrido polas rúas do casco urbano, onde a maioría dos veciños foi receptivo á entrega dos agasallos aínda que houbo algúns que non quixeron nada, "queremos que estas eleccións confirmen, dentro de 15 días, o mesmo triunfo que tivo o PP con Feijóo en Galicia".
O vicepresidente da Xestora do PP de Salceda, Santiago Rodríguez Davila, sinalou que a presenza de Millán Mon no municipio "demostra que Salceda é importante a nivel local e reforza tamén o seu papel en Galicia". Ademais, "se o noso partido gaña agora as eleccións, é algo que será crucial para nosoutros", admitiu, xa con vistas ás próxima eleccións municipais, dentro de dous anos.
Mentres os políticos do PP repartían propaganda electoral, algúns veciños opinaron que "temos que cambiar totalmente porque, aínda que eu son de esquerda tampouco comparto as ideas que están levando agora, iso si, tamén non comparto as do Partido Popular", afirmou unha veciña. Para esta veciña "os políticos teñen que preocuparse do que realmente é importante, é dicir, en vez dos traxes, a crise económica, deben preocuparse cos empresarios pequenos, que son a base deste país". Por iso, preguntou: "É necesario gastar tanto en publicidade nas eleccións?". Queda aí a pregunta.
|