|
Está aberto o prazo de inscrición para a 5ª edición do Curso Internacional Semana Musical de Salceda de Caselas, nas especialidades de clarinete, trompeta e tuba. Proximamente preténdese ofertar, tamén, a especialidade de trombón.
"O éxito foi rotundo nas especialidades de clarinete e tuba, quedando cubertas a totalidade das prazas de activo á media tarde. No caso de trompeta a ocupación é dun 80% das prazas ofertadas", informa a Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, entidade organizadora.
O curso levarase a cabo dende o día 3 ó 8 de agosto e contará con profesores de gran renome internacional. Nesta edición son Yehuda Gilad, profesor de clarinete na University of Southern California e en Colburn School of music. Consumado clarinetista que ademais está considerado como un dos directores máis dinámicos e carismáticos do mundo; Allen Vizzutti, profesor de trompeta da University of Washington School of Music, ademais de Yamaha Performing Artist. Destacado trompetista con unha impresionante carreira musical; e Rex Martín, profesor de tuba na Northwestern Univertity e considerado por moitos como un dos músicos de tuba máis virtuosos do mundo.
Nesta edición contarase, ademais, co quinteto de música italiano Gomalan Brass, que dará un concerto no auditorio municipal o día 4 de agosto, e durante toda a semana darán recitais os profesores e realizaranse concertos de diferente tipo de música na praza do concello.
|