|  | | | | | Presentación das actividades que se celebrarán o vindeiro 29 de xuño. | | | |
A concesionaria da Piscina Municipal, Serviocio S.L, e o Concello de Redondela, en colaboración con Coca cola e Amura, organizan a “Chocolimpiada”, unha xornada cultural e deportiva que se desenvolverá o vindeiro día 29 de xuño polas rúas de Redondela, na Illa de San Simón e a na Praia de Cesantes. As actividades divídense en tres grandes bloques: visita á illa de San Simón, carreira popular e actividades na praia.
As distintas actividades serán gratuítas para abonados á Piscina Municipal de Redondela e para os non abonados terá un custo de 3,35 euros, que lles dará acceso a cantas actividades queiran realizar ese día. Os interesados en participar nestas actividades poden formalizar as súas inscricións na Piscina Municipal de Redondela situada no Paseo do Pexegueiro Nº 13, ou chamando ao teléfono 986 400 586.
A partir das 10.00 horas, un barco que partirá cada hora do peirao de Cesantes, trasladará ata a Illa de San Simón a grupos de 12 persoas para que realicen unha visita guiada, na que disfruten do seu gran valor histórico, cultural e paisaxístico. Pola mañá celebrárase a primeira carreira popular “Vila de Redondela”, na que os participantes terán que cubrir unha distancia de 6 Km.. A saída será dende a Piscina Municipal e a meta sitúarase na praia de Cesantes. Parte do percorrido será urbano, pasando polas rúas máis céntricas de Redondela.
Trátase dunha carreira non competitiva que ten como obxectivo animar ás persoas á práctica de deportes saudables nun ambiente festivo. Haberá trofeo e agasallo para o gañador da categoría masculina e feminina. O bloque de actividades na praia está orientado a toda a familia. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, para nenos de 5 a 18 anos, haberá tres actividades: piragüismo, skimboard e xogos de praia (cometas de tracción, boomerangs, fresbees, diábolos, raquetas de praia, pelotas varias).
Ao medio día, para maiores de 18 anos, farase unha travesía a nado á illa de San Simón, dende a praia de Cesantes, tamén non competitiva e coa intención de que moitas persoas que aprenderon a nadar nas instalacións municipais, e agora son cursillistas de niveis de perfeccionamento ou usuarios libres, superen outro novo reto esta vez ao aire libre. Pola tarde, a partir das 16:30 horas para maiores de 12 anos haberá dúas actividades náuticas: o esquí acuático e o wakeboard. Para rematar, a partir das 17:30 horas, haberá mini campionatos de voley praia e balonmán praia. |