A Asociación de Consumo Responsábel Loaira organiza un Ciclo de Cinema Documental. Este colectivo redondelán ten como obxectivo principal a reflexión e acción crítica sobre as diferentes formas de consumo. Nesta liña, vén actuando como punto de distribución de alimentación ecolóxica para os seus asociados. Diversos produtores locais, de Galicia e outra zonas europeas achegan os seus produtos de forma directa ao consumidor de Loaira evitando tanto as plusvalías na cadea de intermediarios como asegurando a produción saudábel e un contacto directo entre produtor e consumidor.
Loaira considera que é necesaria unha labor de concienciación crítica que faga cuestionarse ao conxunto da sociedade o modelo de consumo no que actualmente vivimos. Así é que propón a celebración dun Ciclo de Cinema Documental que ofreza elementos de análise do noso propio modelo así como mostrar alternativas de consumo.
Mércores 18 de novembro, 20:30 Multiusos de Redondela:
Proxección do filme “Home” de Yann Arthus-Bertrand (2009). Despois de tres anos de produción, coas súas imaxe inéditas de máis de 50 países vistos desde o ceo, dirixe unha longametraxe que alerta sobre o noso impacto na Terra. O documental mostra a súa capacidade de sorpresa e preocupacións. Dunha extrema calidade fílmica, este documental non deixará indiferente a ninguén.
Xoves 3 de decembro, 20:30 h. Multiusos de Redondela:
Proxección do filme “Os respigadores e a respigadora” (2000) é un filme de Anges Varda. A directora imprime a todas as súas creacións un carácter realista e social desde unha perspectiva experimental. A fita programada trata sobre unha serie de respigadores que procuran comida, trapallada e diversos obxectos de refugallo. A cámara de Varna percorre diferentes historias tanto do rural como da cidade mostrando un universo oculto dun estilo propio e directo.
|