| |  | | | | | Veciños de Saxamonde no pleno do mes de outubro. REMITIDA. | | | |
Unha representación da comisión de afectados polo Polígono Industrial de Mos - Redondela reuníuse co alcalde de Redondela, Xaime Rei, o pasado 30 de outubro ás 18.00 horas. Os afectados argumentaron ó alcalde a súa posición en contra do Polígono industrial aducindo que a memoria do proxecto presenta deficiencias insalvables. Pola súa banda o alcalde redondelán mostrouse favorable a este proxecto.
O grupo veciñal enumerou algúns dos problemas máis importantes que conlevaría o polígono industrial como son "a afectación nas captacións de auga de máis dun 50 % da parroquia de Saxamonde, a contaminación das augas de escorrentía ou a afectación ao Camiño Romano e de Santiago". Ademais de recordar que "a localización proposta para o polígono afecta de forma irreparable a núcleos de poboación das parroquias de Saxamonde e Vilar de Infesta, no concello de Redondela, e Arrufana, no de Mos".
Segundo esta comisión de afectados, "o alcalde demostrou descoñecer o proxecto e as afectacións na poboación, alegando que el non vai mercar ningunha nave". Malia este descoñecemento, o grupo de veciños apunta que "o alcalde mostrouse a favor da execución do proxecto" e recoñeceu que "o Polígono Arrufana-Chan das Pipas tería unha segunda fase de ampliación quedando o Camiño de Santiago entre naves industriais".
A Comisión de Afectados valora como "preocupante o desintérese do alcalde cara o benestar dos habitantes do Concello" e tamén "preocupante" o descoñecemento dos proxectos que "se pretenden desenvolver no territorio municipal". A comisión de afectados continúa coa rolda de entrevistas cos demais grupos políticos. O luns ás 20:00 horas está prevista unha reunión co BNG e, ao longo da semana, co PP. |