| |  | | | | | Xoan Tamuxe explicou o proceso de elaboración das tellas. REMITIDA | | | |
A artesanía das tellas en Redondela chegou a cifras industrias na zona da Telleira (de ahí procede o nome), a partires do século XVIII e ata 1939, ano no que o último forno parou para sempre a súa actividade. En total foron sete os fornos que chegaron a funcionar na ladeira deste monte redondelán, o pé da entrada da ría de Vigo en Redondela, onde a desembocadura do Alvedosa mixturase co mar.
Na tarde do pasado sábado, un acto organizado polo Obradoiro de Estudos Locais, Fernando Monroy, congregou a máis dun centenar de persoas neste lugar, onde puideron coñecer a historia deste oficio, que formou parte importante da economía redondelá. No acto realízouse unha exhibición a cargo dos Telleiros do Rosal, Manuel Rodrígez "Treintiña" e Manuel Enríquez, "Piedo".
Nas ruinas destapadas polo Obradoiro Fernando Monroy pódense observar dous fornos de considerables dimensións, nun estado de conservación que se pode calificar como satisfactorio. Destes fornos, o maior deles, podía chegar as 35.000 tellas, mentres que o máis pequeno podía chegar ás 20.000 pezas. O terreo no que se encontran estas ruinas é de propiedade privada, e, na actualidade, estes restos non están catalogados, aínda que o colectivo redondelán puxo en coñecementos das autoridades os elementos atopados.
O historiador Xoan Tamuxe, foi o encargado de explicar o proceso de creación das tellas, mentres os artesans do Rosal realizaban o traballo. Tamuxe puxo en coñecemento dos asistentes a curiosa toponimia do oficio, onde as "cabacas" eran as tellas, os "toupos" eran os ladrillos, o banco era coñecido como "potro", a "grandilla" servía para medir o tamaño da tella, e o "formal" ou molde, era o ecargado de darlle a forma a peza cerámica. A principal laboura estaba desempeñada polo "oficial", que era o encargado de facer as tellas, mentres que o "tendedor" era o axudante, e tiña como principal misión poñer as tellas o sol.
Os elementos fundamentais destas industrias, os fornos, desprendían fumes de diversa cor, dependendo do momento de coción no que se atopaban as tellas, Segundo o "oficial" Manuel Rodrígez "Treintiña", o proceso de coción pasaba por tres fases, a primeira de "desude", onde secan as tellas e o fume é blanco. O segundo paso e o "caldeo", onde as tellas son cocidas e se desprende un fume negro, mentres que o terceiro paso é o de "baixa", cando o forno decae na súa actividade. O historiador, Xoan Tamuxe, tamén explicou que na zona da Telleira tamén podería atoparse unha oleiría, porque así o recolle o Diccionario de Madoz do ano 1847, pero que, ata o de agora, non se atoparon restos desta actividade. |