|  | | | | | Raúl Frances, alcalde de O Porriño. REMITIDA. | | | |
O alcalde do Porriño compareceu ante os medios de comunicación para explicar o proceso que o someterá a unha cuestión de confianza ligada á aprobación dos orzamentos anunciada no Pleno Municipal. O Alcalde do Porriño, someterase o vindero día 23 a unha cuestión de confianza ligada á aprobación do orzamento, se os orzamentos voltaran ser rexeitados polo Pleno, abrirase un período de 30 días para presentar un goberno alternativo, ou ben se entenderá outorgada a confianza e aprobado o proxecto orzamentario.
Raúl Francés afirmou que: "O Porriño vai ter orzamento, o BNG ven de facer un xesto de responsabilidade, demostrando que non estamos en política por manternos nun cargo, senón por facer boa xestión para o conxunto da cidadanía. O BNG posicionouse, agora os grupos da oposición que non quixeron negociar os orzamentos propostos polo Goberno teñen a oportunidade de presentar o seu".
Francés indicou que todas as probabilidades que agoran se abren, inclúen un goberno ben co BNG ou ben co PP. "Ábrese un tempo para a reflexión, tanto por parte dos grupos políticos como do conxunto da cidadanía. Despois de 22 anos de Goberno do Partido Popular, a chegada do BNG ao Goberno hai 5 anos produciu un notábel cambio no municipio, agora non é momento de dar un paso atrás", afirmou o alcalde.
"O sorprendente é que os distintos grupos non presentaran alternativas, nen propuxeran introducir nengunha modificación sobre os orzamentos que este goberno lles presentou hai un mes. Durante este mes houbo oportunidade para chegar a acordos, para buscar consensos, o Goberno sempre se mantivo aberto ao diálogo, mais a oposición non estivo pola labor.O Goberno do BNG non vai permitir unha actuación de permanente bloqueo, que non fai máis que perxudicar ao conxunto da veciñanza do Porriño", sinalou Francés.
O alcalde reiterou a importancia de que O Porriño conte cun novo orzamento. "O Porriño non se pode permitir continuar cos orzamentos prorrogados desde o ano 2002, temos a necesidade imperiosa de dotarnos dun novo orzamento, dunha nova ferramenta que nos permita sanear as nosas contas, realizar investimento en obras fundamentais demandadas polo conxunto da sociedade ou prestar mellores servizos á cidadanía".
"En diagnosticar os problemas económicos do municipio todos coincidimos, mais agora a xente agarda receitas que solucionen os problemas, e o BNG, en lugar de esaxerar os síntomas do paciente como fan os que se establen permanentemente no catastrofismo, presentou a súa receita para afrontar o problema e dar solucións", afirmou Raúl Francés en resposta as intervencións dalgúns dos grupos da oposición.
Francés tamén quixo contestar outras das intervencións efectuadas no Pleno. "que se afirme que o Goberno presenta este orzamento para obter as dedicacións exclusivas é unha tontería que non pode senón volverse en contra de quen a pronuncia", "en xeral o Pleno desenvolveuse con tranquilidade, mais ao final do mesmo, un dos grupos da oposición dirixiuse a miña compañeira Obdulia Diniz nuns termos inaceptábeis e inxustos, nunha atitude machista e misóxena que non vou permitir máis sen apercibir de expulsión á quen a secunde", afirmou o alcalde. |