|
O Concello de Ponteareas, co gallo do 'Día das Letras Galegas', renderá homenaxe a Xosé Mª. Álvarez Blázquez nun acto que se levará a cabo o día 16 de maio ás 21.00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello no cal a través da voz do escritor Antonio García Teijeiro resoará o espírito poético do homenaxeado. Con este acto poético quérese render homenaxe a todos os persoeiros que coa súa voz contribuíron e contribúen a un universo cultural en galego.
Este acto serve de preludio ao 'Día das Letras', durante o cal se poderá gozar na Praza Maior da Festa da Bicicleta 'Ponteareas coas Letras' e da Feira do Libro na que haberá actividades durante todo o día de baile, contacontos, animación con pallasos, maxia e xogos de animación. O día 17 rematará cun concerto coral a cargo da Coral do Centro Artístico Sportivo no Auditorio Reveriano Soutullo, quen interpretará un repertorio de cancións galegas. Os días 23 e 30 de maio os nenos volverán ser os protagonistas do obradoiro 'Cóntame un conto' no que deixarán voar a imaxinación para converterse en creadores, a través do escritor Miguel Anxo Mouriño Fernández que fará de fío condutor das historias.
|