O Goberno de Ponteareas dirixiuse á Deputación Provincial de Pontevedra para que a empresa adxudicataria das obras da praza da Música revise as filtracións de auga que soporta o auditorio Reveriano Soutullo e acordou executar, en colaboración co organismo provincial, un proxecto de reforma integral do interior do inmoble. A Deputación de Pontevedra xa deu orden á empresa que executou as obras de mellora na parte superior do auditorio que analicen os problemas de humidade e tomen as medidas oportunas. Arquitectos da empresa visitaron a zona e estudian as accións a levar a cabo para solucionar o problema.
Ademais, o Concello de Ponteareas e a Deputación Provincial levarán a cabo, unha vez solucionados os problemas de humidade, un proxecto de reforma integral no interior do auditorio, que contempla o cambio de butacas, o remate da climatización, o pintado e obras de albanelería e electricidade (iluminación e son).
O Goberno de Ponteareas, non obstante, lembra que o Auditorio Reveriano Soutullo ten máis de 22 anos. Foi inaugurado en 1986 e o que antes eran pequenos problemas de humidade e na placa se agravaron co tempo, aínda que recoñece que as obras para a humanización e o aproveitamento da praza da Música influíron na aparición de máis filtracións
Ausencia de axudas por parte da Xunta
Por outra banda, o Goberno local de Ponteareas chama a atención “sobre a ausencia de investimentos para a mellora das instalacións culturais do termo municipal por parte da Xunta de Galicia nestes tres últimos anos”. Segundo o comunicado municipal, o Concello dirixiuse en diversas ocasións ao executivo autonómico solicitando subvencións sen que este dera resposta ás demandas “e, unha vez máis, será a propia Deputación de Pontevedra a que teña que colaborar na reforma deste importante inmoble”.
|