|
O alcalde de Ponteareas e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Salvador González Solla e Alberto Novoa, respectivamente, asistiron onte á presentación do proxecto ‘Wimax Pontevedra’, que permitirá a implantación da banda ancha con tecnoloxía Wifi en toda a provincia e que, en Ponteareas, significará completar a cobertura de banda ancha en todas as parroquias e mellorar a sinal.
O Concello sumouse a este proxecto que promove a Deputación Provincial de Pontevedra, financiado con fondos FEDER, e que inclúe a instalación da rede Wimax/Wifi, unha tecnoloxía que permitirá a colocación de sistemas de videovixiancia en puntos sensibles do concello, a mellora da seguridade pública coa conexión das patrullas de policía a bases de datos, o acceso a internet en lugares públicos e de baixa cobertura, así como o apoio a determinados servicios públicos, como bombeiros ou ambulancias.
|