| |  | | | | | Os directores Xabier Daura e Esteban Navarro, do grupo cómico Venga Monjas, gañadores do premio ao mellor documental por 'Llamadme Claudia'. REMITIDA. | | | |
'A Nena que tiña unha soa orella', do director venezolano Álvaro León, e que conta na produción co galego Rubén Coca, resultou a gañadora no apartado de vídeocreación na 3ª edición da Mostra Internacional de Vídeo do Condado, celebrada os días 3, 4 e 5 deste mes en Ponteareas. A obra, realizada con distintas técnicas de animación, é unha adaptación do conto 'La fantástica niña pequeña y la cigüeña pedigueña', de Lucía Etxebarría.
Mentres, o premio ao mellor documental recaeu na obra 'Llamadme Claudia', dos directores Xavier Daura e Esteban Navarro, que acompañaron de preto o desenrolo da Mostra. Estes dous directores barceloneses forman o grupo cómico Venga Monjas e o humor absurdo deste grupo se reflexa neste falso documental onde presentaron ao público a vida de Claudia, o actor publicitario que revolucionou o mundo do márketing.
Finalmente, 'Vestido', do director chileno Jairo Boisier, resultou o gañador no apartado da curtametraxe. 'Vestido' é unha historia de corte minimalista e narrada dende unha visión moi intimista e, como contou o seu director nun vídeo enviado dende Chile, "narra a historia de dúas persoas moi diferentes que teñen un encontro bastante improbable".
Esta terceira edición foi valorada dende a organización do Mivico como "un éxito en canto á participación e desenrolo do festival". Exemplo disto foi o interese demostrado polos directores que participaron na programación do Mivico'09, presentes nas tres xornadas do festival, compartindo espazos e experiencia co público e con outros artistas. Sabela Pernas, directora da videocreación 'Tómate o teu tempo', José Luís Soto Ruvalcaba, director do documental 'Autocasting', Laura García e María Monsalvo, directoras de '01', Carolina Torres, representante da distribuidora 'Lolita Peliculitas' e encargada da distribución internacional da curta gañadora 'Vestido', así como os tres directores convidados ao festival no día da súa inauguración - Toño Chouza, Aritz Cibrián e Xavi Ruíz. Dende Mivico destacan tamén o aumento de público "que se percibiu nas actividades paralelas realizadas na noite do venres e sábado e no mediodía do sábado, onde puideron gozar de diferentes propostas musicais".
|