|
O Festival Internacional de Videocreación do Condado - MIVICO'08, que se celebrará en Ponteareas do 3 ao 5 de outubro, inaugura a súa segunda edición coa estrea do último traballo dun dos directores consagrados do audiovisual galego, Rubén Coca. O ferrolán presentará o venres 3 de outubro Mínimo común múltiplo 2.0.
A curtametraxe -sexta da filmografía do director ferrolán- narra a historia de Andrea (Marta Larralde), unha moza de 30 anos que vive instalada nunha rutina laboral e sentimental que se esnaquizará no momento máis insospeitado. Coca aposta con este filme por unha historia de amor contada en clave de suspense.
Mínimo común múltiplo 2.0
, que foi rodada integramente en Ferrol e na que participan os actores Alex Neira, Marta Larralde, Lourdes Sanmartín, Xoel Fernández e Tomás Romero, tende unha ponte entre a madurez e o mundo da infancia. En palabras do seu director "é unha película de recordos da nenez e de encontro coas amizades infantís perdidas co paso do tempo envolvido todo nunha atmosfera de misterio e de suspense".
Coa estrea da película ábrese o programa de actividades do MIVICO'08, que se desenvolverá até o domingo 5 de outubro en Ponteareas. Durante o festival pasaranse na sección oficial unha escolma da produción audiovisual máis arriscada e independente do momento e celebraranse varios concertos a cargo de bandas emerxentes da escena internacional.
Desta vez o espazo de proxección móvese ao Centro Cultural Sportivo. O número de traballos recibidos para participar no MIVICO'08 triplicou aos do ano pasado. O festival da así un paso máis no seu propósito de consolidarse no calendario audiovisual galego como escaparate das propostas audiovisuais máis independentes da escena actual.
Filmes procedentes de Arxentina, Estados Unidos, Noruega, Italia, Portugal e de diversos puntos do Estado español competirán polo premio nas tres categorías establecidas (curtametraxes de ficción, videocreación e documental). O MIVICO'08 reafirma así a súa aposta decidida pola videocreción e o cine independente coa intención ademais de servir de abrir una fiestra á creación máis arriscada.
Como antesala do que será o festival, o domingo 21 de setembro ás 22.00 horas farase en Ponteareas unha proxección ao aire libre dalgúns dos traballos recibidos. A entrada é de balde.
Filmografía
Director e produtor de curtametraxes cinematográficas e videoclips, realizador e guionista de traballos en cine, TV e publicidade, Rubén Coca forma en 1999 a produtora RUBÉN COCA P.C. para así producir e dirixir os seus proxectos máis persoais, destacando as colaboracións habituais desde entón cos colectivos artísticos internacionais: NO-MAD (Londres-UK), KELOIDE (Caracas-Venezuela) y FAM Arquitectos (Madrid-España).
Entre 1999 e 2004 traballou, entre outros, como guionista en TVE e como realizador na canle autonómica valenciana CANAL 9, facéndose cargo en 2003 da dirección da sección cinematográfica da revista de arquitectura e cine POSTBOKS así como editor-xefe de contidos do VCD Audiovisual da mesma. (Distribución internacional en Europa e América). En 2005 forma a produtora NEZCOM xunto ao produtor catalán Joan Jiménez, empresa especializada en novos formatos audiovisuais, publicidade e marketing, e levando a cabo a súa labor de director creativo ata o 2006. En 2007 forma a Asociación Cultural AXENTE CULTURAL, centrada na organización e xestión de recursos orientados á produción e educación audiovisual.
|