Municipios
Exterior
Magacine
Servicios
Opinión
  Inicio > Municipios > Nigrán

De Manchester a Nigrán, un intercambio emocionante

por Vm - 15/04/2008
O grupo de ingleses e galegos na prai de Panxón en Nigrán.
Como vén ocorrendo dende hai catro anos, o colexio Humberto Juanes de Nigrán acaba de recibir a visita dun grupo de 50 persoas entre profesores, alumnos e nais e pais, do colexio St. John´s Primary School de Manchester que se desprazaron a Nigrán entre o 1 e o 8 de Abril para compartir coa comunidade educativa de Humberto Juanes unha semana chea de actividades, emocións, reencontros e, sobre todo, moita comunicación.

 

Segundo un comunicado do concello de Nigrán, os coordinadores desta experiencia, Marcos Arias do colexio St. Jonh´s Primary School de Manchester e Mª Jesús Álvarez do Colexio Humberto Juanes de Nigrán, levan realizando dende hai catro anos “o soño de unir, primeiro en Nigrán e dous meses despois en Manchester, a un grupo de escolares de idades de 11 e 12 anos para compartir unha semana moi intensa en actividades”. Este intercambio foi medrando co paso dos anos “grazas ao apoio do profesorado de ambos colexios, á axuda dos pais e nais e de moitas institucións e empresas do Val Miñor que colaboran para que transcenda fóra do ámbito escolar e involucre aos habitantes do Val Miñor”.

 

A semana iniciouse coa recepción dos alumnos ingleses no colexio de Nigrán, recepción que, nalgúns casos foi reencontro porque algúns repetían experiencia, despois de quedar moi satisfeitos do trato recibido o curso pasado. Tamén o Concello, abriu ás portas ao grupo de nenos galegos e ingleses e aos seus pais e nais coa presencia da concelleira de Educación e Turismo, Estela Pérez.

 

O programa incluíu excursións ao Museo da Auga de Vilanova de Cerveira e ao Castro de Santa Trega na Guarda, co paso da fronteira no transbordador de Camina e actividades na praia. Asimesmo, os participantes tiveron actividades na escola, como talleres de deportes, informática e cociña, onde os nenos galegos e ingleses prepararon e saborearon unha deliciosa tortilla.

 

No fin de semana o intercambio ampliouse ao ámbito familiar e a toda a Comunidade Educativa: unha cea, e unha marcha-subida a Monteferro organizada pola concellería de Turismo do concello de Nigrán, con comida campestre incluída, contaron con numerosa asistencia porque ademais das familias asistiron os alumnos que xa viviron esta experiencia en anos anteriores. Como remate, unha festa despedida na discoteca Ázzaro´s de Ramallosa que pon o broche final a unha semana de intensas emocións.

 

Ademais, o patrimonio inmaterial e cultural galego tamén ten o seu oco neste Intercambio, xa que o CEIP Humberto Juanes é Escola Promotora do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Así os ingleses, adultos e nenos, coñeceron a música e o baile tradicional nun obradoiro impartido no colexio; asistiron á actuación do grupo de baile tradicional “O Torreiro” de Priegue e aprenderon os xogos tradicionais, xogando ao marro e aos Bolos Celtas no campo do Ceán  de Nigrán onde o Club de Bolos Celtas de Nigrán aprendeulles este deporte de gran tradición na comarca.

 

 

Os nenos tiveron tempo de xogar na area de Praia América.


Cancións de ida e volta

 

Pero este ano esta experiencia contou cunhas colaboradoras moi especiais: as integrantes do grupo Malvela que tiveron a sorpresa de comprobar como os alumnos ingleses e galegos cantaban as cancións do seu último cd “Da miña xanela á túa”.

 

Como foi posible que Malvela sexa coñecida en Manchester e un grupo de pequenos ingleses cante as súas cancións?  A historia iniciouse o 1 de xuño de 2007, na XIII Edición de Ponte…nas Ondas! na que o grupo Malvela (colaborador desa edición) cantou a canción “Amoriños” acompañadas dos alumnos de Humberto Juanes. Despois, o disco de Malvela viaxou dende Ponte…nas Ondas! a Manchester, onde os alumnos de St. Jonh´s aprenderon varias cancións, para ser cantadas na súa visita a Galicia.

 

Na recepción realizada en Humberto Juanes, as mulleres de Malvela quedaron tan fascinadas ao ver aos nenos e nenas ingleses cantar os seu temas que se presentaron con todo o grupo no Hotel Miramar de Nigrán para cantar cos nenos ingleses. A sorpresa foi enorme, e todos, galegos e ingleses cantaron con Malvela “O pirimpimpín”, “A gota de auga” e outras cancións do grupo. O patrimonio uniu así aínda máis os lazos das dúas comunidades educativas.

 

 

    
Sobre este artículo
5 / 5 (1 Votos)
El Tiempo
El Tiempo en Nigrán- Predicción a 7 días y condiciones actuales.
Encuesta
Hay un total de 35 votos
¿Cree que sería bueno para la ciudad que Rafael Moneo se encargase de la reforma de la praza do Rei?










Contáctanos | Anúnciate

Aviso legal

© ES. Comunicación Profesional '08
     Todos los derechos reservados 
Powered by: PHPCow.com