|
O portavoz municipal do Partido Popular no concello de Nigrán, Alberto Valverde, acompañado polo parlamentario popular Ignacio López-Chaves, manifestou hoxe nunha rolda de prensa a súa preocupación pola solución adoptada pola consellería de Política Territorial para conectar o principal núcleo deste concello coa autoestrada AG-57 e o parque empresarial de Porto do Molle, “que se vai traducir en serios prexuízos para todos os veciños da zona”.
Alberto Valverde denunciou que “ao final cumpríronse as peores expectativas” e a Xunta vai ter en conta a alternativa “máis negativa” para Nigrán, xa que suporá a perda de 20.000 metros cadrados de zona verde municipal. O alcalde de Nigrán, Efrén Juanes, “volveu engañar” a todos os veciños cando dicía que “non permitiría” que se perdese nin un só metro cadrado de zona verde e “aseguraba que ía suxerir á Administración autonómica a elección doutra alternativa menos lesiva”.
A alternativa elixida para conectar a autoestrada do Val Miñor con Nigran e co polígono empresarial de Porto do Molle supón modificar o proxecto orixinal, que contemplaba unha conexión máis natural e máis segura para o tráfico rodado, xa que utilizaba terreos que, por estar dentro do propio parque, pertencían á Zona Franca de Vigo.
Para o voceiro municipal do PPdeG en Nigrán, tamén chamou a atención sobre a incoherencia que se rexistra entre o discurso oficial das súas formacións que sustentan ao Goberno bipartito da Xunta, que non teñen reparo en “cargarse unha zona verde de 20.000 metros cadrados en Nigrán, ao tempo que enarbolan a bandeira dun suposto ambientalismo sen soporte real algún”.
Por iso, o responsable local do PPdeG en Nigrán pediu que o concello reclame á consellería de Política Territorial e Política Territorial que rectifique a decisión adoptada para a conexión coa autoestrada do Val Miñor e se decante por calquera das outras dúas opcións dispoñibles.
Pola súa banda, o deputado popular Ignacio López-Chaves Castro alertou sobre a posibilidade de que a opción elixida poda servir de base “para algún tipo de negocio oculto dos actuais responsables municipais do PSOE”, que semellan máis interesados en defender os intereses da Xunta –a opción elixida é a máis barata-ca os dos veciños deste concello. Recorda, nesta liña, que Política Territorial xa vetou, nesta lexislatura, unha iniciativa do PPdeG para habilitar unha partida de 730.000 euros para executar a conexión parque empresarial do Porto do Molle coa autoestrada do Val Miñor.
Ignacio López-Chaves anunciou que nunha reunión previa celebrada co portavoz do PPdeG de Nigrán ultimaron diferentes iniciativas que rexistrará en breve no Parlamento de Galicia para instará Xunta a que modifique a decisión anunciada sobre os accesos a Nigrán e se decante por unha alternativa que non prexudique as zonas verdes previstas.
|