|
A Deputación de Pontevedra instalou hoxe sinais de limitación de paso para camións de máis de 16 toneladas na estrada Peinador-Os Valos, dende Peinador a Santiaguiño do Monte e ó polígono industrial de A Rufana. As sinais, instaladas a petición do Concello de Mos, están colocadas na entrada e na saida da devandita estrada provincial, nas rotondas de arriba e de abaixo.
Segundo un comunicado da Deputación, esta actuación deriva de reiteradas demandas dos veciños da parroquia de Guizán no senso de limitar o tráfico pesado polo medio das vivendas e de solucionar os problemas de seguridade vial que a circulación dos camións ocasiona.
O pasado 13 de marzo, unha comisión de veciños, acompañada pola concelleira do Partido Popular de Mos, Nidia Arévalo, entrevistouse co presidente da Deputación, Rafael Louzán, para solucionar o problema.
Froito da xuntanza, a Deputación comprometeuse á construcción de aceras, en colaboración co Concello de Mos, e a instalar as mencionadas sinais de limitación de paso para camións, unha vez que o Concello as demandou.
O paso de tráfico pesado polo medio da parroquia de Guizán (Mos) viña ocasionando molestias varias e perigos para os residentes da localidade en canto os camións pasaban para o polígono industrial de A Rufana por un tramo de 2 kilómetros polo medio das casas. Agora accederán pola N-550. |