|
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o director de Infraestructuras do organismo provincial, Agustín Hernández, recibiron hoxe a unha comisión de veciños de Guizán (Mos), afectados polo paso de tráfico pesado que circula a diario pola estrada Peinador-Os Valos, dende Peinador a Santiaguiño do Monte e ó polígono industrial de A Rufana. Segundo un comunicado da institución provincial, a comisión, que viña acompañada pola concelleira do Partido Popular de Mos, Nidia Arévalo, demandaba limitar o paso do tráfico pesado polo medio das vivendas e solucionar os problemas de seguridade vial que a circulación dos camións ocasiona.
A solución consensuada por Louzán, Hernández, Arévalo e os veciños foi que, por parte da Deputación, limitaráse, de inmediato, o tráfico de camións con cargas superiores ás 15 toneladas sempre que o Concello o solicite, e que, por outra parte, o vindeiro martes, día 18, o director de Infraestructuras desprazárase á zona para concretar un proxecto de construcción de aceras en colaboración có Concello de Mos que a Deputación está disposta a levar a cabo.
Na xuntanza, Louzán lembrou que xa no ano 2005 a Deputación presentou a Fomento unha solución para este problema de tráfico pesado polo medio de Guisán. Consistía en que a institución provincial construiría unha nova estrada que atravesaba o monte comunal, non pasaba polo medio das casas e chegaba ata o aeroporto. O plan da Deputación non se levou a cabo porque o Ministerio asegurou entón que a solución para o problema do tráfico en Guizán estaba recollido no proxecto da A-57, motivo polo que non procedía a construcción dunha nova estrada.
Posteriormente a esas datas, ó proxecto xurdironlle tamén problemas para a disposición dos terreos tanto de titularidade comunal como privada. |