| |  | | | | | A rexedora destacou tamén durante a súa intervención 'a importancia de contar cos representantes de tódolos grupos polÃticos da Corporación e de manter a unanimidade respecto do PXOM mosense, que deberÃa estar xa presentado dende fai moito tempo'. REMITIDA. | | | |
O proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal xa está nas mans do Concello de Mos. Foi o arquitecto, Juan Ángel Visier Gil, representante do equipo redactor, quen lle fixo entrega do documento á alcaldesa Nidia Arévalo, que estivo acompañada da concelleira de Urbanismo, Sandra Temes, o tenente de alcalde, Gerardo Alonso, e os voceiros de PSOE e BNG, demais grupos políticos da Corporación Municipal, María Jesús Escudero e Xosé Manuel Martínez Ojea respectivamente.
Tras a entrega os presentes compareceron en rolda de prensa coincidindo nas súas declaracións en que o PXOM era unha "necesidade urxente" para Mos que ó fin este martes deu o seu primeiro paso para convertirse en realidade. Neste sentido a rexedora local dicía que "síntome feliz ó ter hoxe enriba da mesa o froito de tanto traballo". "Agora pretendemos tardar o mínimo tempo posible en enviar o proxecto á Xunta, aínda que previamente manteremos tres reunións cos técnicos para revisar o documento e que todo vaia ben".
Segundo Arévalo, "ó tempo que o PXOM se envía a Santiago poranse en marcha os informes sectoriais pertinentes, dende a Xunta dispoñen dun prazo de tres meses para contestarnos e, despois de recibir dita resposta, iniciarase a exposición pública ós veciños para que estes poidan efectuar as alegacións que estimen oportunas". A rexedora destacou tamén durante a súa intervención "a importancia de contar cos representantes de tódolos grupos políticos da Corporación e de manter a unanimidade respecto do PXOM mosense, que debería estar xa presentado dende fai moito tempo".
Á súa vez a alcaldesa explicou que nos próximos meses levarase a Pleno este proxecto "para que empece a camiñar coa estabilidade e a seguridade de ter sido aprobado nunha sesión plenaria", e pediulles comprensión ós veciños para este documento "que foi concibido para beneficiar o máximo posible a Mos e ós seus habitantes". Nidia Arévalo fixo fincapé ademais na "importancia do rural en Mos, pola que trataremos de que este conviva con harmonía coas zonas urbanas e de que manteña a súa calidade de vida, xa que é unha das características fundamentais da identidade do Concello de Mos".
A aportación de datos técnicos sobre o PXOM correu a cargo de Visier, arquitecto do equipo redactor, quen afirmou "o novo modelo de Concello que proxecta o documento é o dunha cidade cun casco urbán que salte a fronteira cara o este e que teña coma núcleo central As Pozas, cunha columna vertebral que conecte e comunique todas as zonas urbanas e cunha importante dotación de zonas como parques, xardíns, carrís bici; e todo isto convivindo tamén cos núcleos rurais".
O arquitecto informou ademais de que o Plan ten un teito de 20 anos pero que está proxectado en 12 anos, o que veñen sendo tres cuadrienios, nos que Mos pasará de ter unha poboación de 15.000 habitantes a 31.000 habitantes, chegará ás 10.000 vivendas (5.000 en solo urbano e 5.000 en solo rural) e alcanzará unha densidade de edificabilidade residencial de 2.400.000 metros cadrados.
Visier estimou o total do custo de execución de sistemas xerais do Plan en 27.600.000 euros que se financiarán, segundo informou, con 10 millóns de euros procedentes de cesións de propiedade privada e o resto asumirano as administracións públicas incluído o Concello de Mos. Financiación esta que o arquitecto considera "que manexa números reais e realizables que se atopan perfectamente recollidos no tomo 7 do PXOM".
Así mesmo emitiu unha valoración de todas as actuacións de urbanización incluídas dentro do plan que ascende a 59 millóns de euros. Segundo Visier "todo o Plan Xeral suporá levar a cabo actuacións nun total de 600.000 metros cadrados, o que suporá unha inversión total nos vindeiros 12 anos de 600 millóns de euros".
O representante do equipo redactor do PXOM mosense concluíu resaltando un dato importante deste proxecto, que é que inclúe un informe de sostibilidade para a consellería de Medio Ambiente para que sexa aprobado paralelamente ó Plan Xeral e axilizar así o procedemento evitando demoras innecesarias.
|