|
O Grupo Municipal do BNG remitiu un escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra solicitándolle que inste ao alcalde de Mondariz, Julio Alén, a dar cumprimento, "dunha vez por todas", á Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura (BOE nº 310 do 27 de decembro de 2007), concretamente o establecido no seu art. 15, suprimindo do rueiro oficial os nomes do Generalísimo Franco e José Antonio Primo de Rivera.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos Montes Bugarín, manifestou a través dun comunicado que as principais rúas do concello de Mondariz "seguen a manter no seu rueiro oficial nomes franquistas e preconstitucionais", o que supón un incumprimento da coñecida popularmente como Lei da Memoria Histórica e que estabelece que as Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.
Bugarín indicou que o BNG solicitou "infructuosamente" en distintas ocasións ante o Pleno ao longo dos últimos 10 anos a democratización do rueiro municipal, "e o PP sempre votou en contra desta iniciativa".
|