|
A Consellería de Vivenda e Solo contratou por 375.000 euros a redacción dos proxectos sectorial e de urbanización para o desenvolvemento do Parque Empresarial da Pasaxe no Concello de Gondomar. A empresa contratada dispón dun prazo de cinco meses para a elaboración dos proxectos, unha vez asinado o contrato.
Ao concurso público convocado pola consellería o pasado mes de abril presentáronse un total de nove empresas, resultando adxudicataria IDOM por formular a proposición máis vantaxosa no seu conxunto, tendo en conta que a mesa de contratación valorou a proposta económica, a planificación do traballo, o equipo humano dispoñible e a experiencia da empresa en actuacións similares.
O orzamento de contratación inclúe tamén a redacción dos traballos técnicos previos –parcelario, topográfico e xeotécnico–, así como a elaboración do Estudo de Sostenibilidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico e un Estudo Arqueolóxico do ámbito. Esta actuación en materia de solo empresarial desenvolverase sobre un ámbito aproximado de 650.000 metros cadrados, o que permitirá ordenar e urbanizar a área xa existente e ampliar a superficie con 300.000 novos metros cadrados de solo empresarial.
Esta actuación en materia de creación de solo empresarial desenvólvese en base a un protocolo de colaboración asinado o pasado día 1 de abril entre a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, e o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, co obxectivo de levar a cabo a ordenación e urbanización do actual Parque Empresarial da Pasaxe, o que permitirá a moitas das empresas alí instaladas regularizar a súa situación actual e ademais contar cos servizos e infraestructuras propias dun parque empresarial do século XXI. Tal e como se recolle no protocolo de colaboración, na elaboración do Proxecto Sectorial darse unha participación activa aos representantes da Asociación de Empresarios de A Pasaxe, da Xunta de propietarios de terreos incluídos no ámbito do polígono de A Pasaxe, da Comunidade de Montes de Vincios, así como as diferentes administracións públicas.
|