|  | | | |
O Instituto de Estudos Miñoranos, Iem, outorgou, por unanimidade, o premio de poesía Victoriano Taibo ao poeta Carlos Negro, autor de 'Cultivos transxénicos'. Este premio, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros, escultura conmemorativa e edición da obra, será entregado no transcurso dos actos que se celebrarán na Escola de Guillufe os días 14 e 15 de novembro.
O I premio de poesía Victoriano Taibo tivo unha grande acollida pois recibíronse 48 orixinais. Nunha primeira reunión de traballo, o xurado, composto por Urbano Esmerode, Carlos Méixome (ambos con voz pero sen voto), Gonzalo Navaza, Marta Dacosta e Araceli Gonda, elixiu nove orixinais finalistas, os titulados Imposturas, Tardes de domingo, Strategemata, Cultivos transxénicos, Poemas para un paquidermo, Arar nas penas, Metáforas da desfeita e Deste azul que non remata.
o Iem recolleu de José Luís Alonso, fillo dun ex-alumno de Taibo, o reto de recuperar a figura deste intelectual galeguista da primeira metade do século pasado e apostou claramente por xestionar unha presa de actos coa pretensión de devolverlle a este esquecido persoeiro o lugar que lle corresponde dentro do panorama cultural de Galicia. Decidiu entón afrontar o rescate de Victoriano Taibo por tres vías complementarias. Por unha banda, a reedición dun dos seus libros (Da Agra Aberta) e a publicación dunha revista monográfica sobre a súa obra e biografía. Por outra, a organización de actos de homenaxe de dous días de duración na que foi a súa escola de Guillufe, en Morgadáns. E en terceiro lugar a creación dun premio de poesía que leva o seu nome, asociado á institución que tan valentemente asumiu o custo do certame.
O IEM e a Entidade Local de Morgadáns teñen asinado un acordo de colaboración que garante a continuidade, con periodicidade anual, deste certame de poesía que axiña será, estamos seguro, un referente para os poetas de toda Galicia.
Biografía
Victoriano Taibo García naceu en Santiago de Compostela o día 22 de abril de 1885. Na cidade natal estudou Maxisterio e contactou co movemento galeguista a través da Irmandade da Fala local. Colaborador habitual de O Tío Marcos da Portela e outras revistas e xornais da altura, estivo integrado no Instituto de Estudos Históricos do Minho e en 1948 ingresou na Real Academia Galega co discurso, respondido por Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, precursora da fala, publicado pola institución en 1972.
Amais da abundante obra espallada en diversas publicacións, Victoriano Taibo viu editados tres títulos da súa autoría: os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e o libro de narracións Da agra aberta, contos e lêndas (1956).
O exercicio da súa profesión de mestre levouno a Ortigueira, Cambre, Xinzo da Limia, Morgadáns e finalmente a Vigo, onde moraría ata a súa morte, acontecida o 13 de marzo de 1966.
Victoriano Taibo participou activamente e dende novo no ambiente cultural galego e galeguista que agromara co rexurdimento e estaba a evolucionar con pasos decisivos no movemento cultural e político apadriñado polas Irmandades da Fala. Foi dende o principio un decidido defensor da lingua galega que non só usou maioritariamente na súa obra senón que, ademais, estudou con cariño e tesón elaborando, a anacos, un pequeno tratado de lingüística galega espallado nas súas abundantes colaboracións en moi diversos medios e brevemente resumido no prólogo da súa última obra publicada, Da Agra Aberta.
A importancia do seu labor cultural ponse de manifesto se pescudamos os medios nos que colaborou con traballos en prosa e en verso, cuxa listaxe reproduciría a maioría das revistas culturais galegas, tanto do interior como do exilio, así como os xornais máis importantes do momento. Os seus traballos literarios, que acadaron diversos premios e mencións, xunto coas súas publicacións e a activa dedicación a prol da lingua e da cultura galega, mereceron o seu ingreso na Real Academia Galega da man de destacados persoeiros da época, como Otero Pedrayo e López Cuevillas. Outro sinal da consideración que mereceu a súa actividade cultural atopámolo revisando a bibliografía xerada sobre el e a súa obra así como a súa inclusión nas principais antoloxías da época e algunhas posteriores.
Victoriano Taibo conta con non poucos artigos en castelán en diversos medios, pagando así o prezo que a época e as circunstancias impuñan a quen quixesen colaborar en xornais e revistas. Sen embargo, unha ollada ás súas publicacións en prosa infórmanos inmediatamente de dúas cousas: primeira, que os escritos en galego son tamén abundantes, e segundo, que os temas tratados están na súa inmensa maioría relacionados coa lingua, a cultura ou os persoeiros galegos. Non ocorre o mesmo coas súas publicacións en verso, coa súa poesía, esa manifestación das esencias íntimas que reflicte con maior veracidade a alma do escritor; neste eido o monolingüísmo en galego é practicamente absoluto. Por outra banda, os libros que deu ao prelo declaran claramente a súa vontade: son todos de expresión galega, incluídos dous inéditos de cuxa existencia se fixo eco a prensa nalgún momento: Abicedo e Cabrinfollas. Cómpre salientar, ademais, que o seu galeguismo comprometido, que lle causou un silencio de varios anos e o exilio nunha vila de Valladolid, impeleuno, sen embargo, a arriscarse nun ambiente nada propicio e seguir escribindo e publicando en galego despois da guerra civil.
Victoriano Taibo naceu en Santiago de Compostela onde viviu os anos da infancia e da xuventude; aparte desta etapa de crecemento e formación, cómpre salientar que Morgadáns foi a localidade que recolleu máis anos da súa vida e docencia, pois alí chegou en abril de 1930 e marchou ao seu derradeiro destino (Vigo) en xullo de 1950, longa andaina da que hai que descontar a paréntese de catro anos en Villalar de los Comuneros, exilio imposto por sanción gobernativa como consecuencia do seu galeguismo. As súas importantes actividades nos niveis máis elevados da cultura galega non lle impediron participar activamente na vida de Morgadáns, como o demostra o acto de homenaxe ao Padre Hermida que culminou na construción dun monólito no adro da igrexa, ou a recollida de léxico propio do lugar que incluíu no vocabulario que aparece ao final do seu libro Da Agra Aberta. Como mestre e intelectual foi o referente de todos os conveciños para levar adiante con eficacia calquera xestión que se escapase da rutina diaria. Vivía, pois, coma un veciño máis, querido por todos e totalmente incardinado na vida social da parroquia, onde era unha estampa frecuente velo pasear polas rúas en animada conversa con habitantes do lugar. Unha manifestación clara da súa adopción de e por Morgadáns é a homenaxe que ex-alumnos emigrados lle fixeron en Vigo coa entrega dun pergamiño de cariñoso recordo. E as súas propias manifestacións en diversas ocasións despois de cambiar a morada para Vigo, como no artigo "O serán" onde di, referíndose a Morgadáns: "Coñezo ben o lugar e os seus boísimos veciños. Cando o recordo o esperta na miña alma vaise cara a el o meu corazón, porque nel quedaron vinte anos da miña vida que aínda permanecen alí, segundo me informan". As súas actividades e inquedanzas alcanzaron á contorna máis próxima; algúns recordan aínda o faladoiro na taberna – tenda de Paulino, en Vincios, os mércores. Están, ademais, os seus escritos sobre temas miñoranos, como o artigo "Gondomar y su primer conde", publicado no Faro de Vigo en 1949, ou "O serán", publicado en 1959 na sección "Costumbres del Valle Miñor" da revista Vida Gallega.
O seu bo facer e integración na colectividade parroquial é ponderado aínda hoxe por ex-alumnos, ou os seus descendentes, e por veciños, que atesouran anécdotas e vivencias daquela época. Foi precisamente o fillo, José Luís Alonso, dun daqueles escolares que acudiron ás clases de Victoriano Taibo quen se propuxo, facendo gala dunha extraordinaria sensibilidade, rescatar o nome do mestre e propor a súa vinculación definitiva á parroquia na que desenvolveu durante tantos anos o seu labor profesional e dende a que se proxectou nacional e internacionalmente cultivando como poucos os elementos integrantes dun galeguismo activo.
Victoriano Taibo deixou totalmente preparados para a súa publicación dous poemarios que, sen embargo, aínda non viron a luz. A empresa Follas Novas Edicións, que dirixe Luís Alonso Girgado, decidiu editar estes libros titulados Cabrinfollas e Abicedo, edición que dirixiu o profesor, investigador e analista literario, ensaísta, tradutor e crítico literario Armando Requeixo. Sabedor o IEM desta iniciativa acordou cos intelectuais citados unir esforzos e facer conxuntamente, nos actos de homenaxe a este escritor que terán lugar en Morgadáns os días 14 e 15 de novembro, a presentación dos libros publicados por ambas entidades, IEM e Follas Novas, e favorecer así a repercusión desta merecida homenaxe para que a figura de Victoriano Taibo brille coa luz que lle corresponde no universo cultural galego. |