|
PSdeG e BNG vetaron no Parlamento de Galicia unha resolución do PPdeG na que se pedía a aplicación do acordo do pleno de Gondomar para retirar o Plan Integra nese Concello. Para o deputado popular Ignacio López-Chaves esta "é unha clara mostra de desprezo aos veciños e veciñas" e aos acordos que adopta a Corporación de Gondomar "que rexeitou de forma unánime" o proxecto e aprobou unha moción, co apoio de todos os grupos políticos, para solicitar a Xunta a súa retirada.
Os deputados populares Enrique López Veiga e Ignacio López-Chaves e o voceiro municipal do PP de Gondomar, Carlos Silva, sinalaron onte en rolda de prensa que nacionalistas e socialistas vetaron a iniciativa "desautorizando ao alcalde do BNG en Gondomar e ao grupo municipal e desprezando a vontade dos veciños que manifestaron o seu rexeitamento unánime do Plan" segundo López-Chaves.
O deputado popular se pregunta a qué están xogando BNG e PSdeG e o mesmo alcalde xa que votan en contra do Plan en Gondomar e o apoian en Santiago o que amosa unha clara mostra de hipocrisía política e unha clara evidencia de que o Alcalde non defende aos veciños e veciñas.
O voceiro do PP en Gondomar Carlos Silva sinalou a necesidade de coñecer se existen acordos entre o alcalde de Gondomar e a Consellería de Política Territorial para aplicar o Plan Integra. O PPdeG presentará nese sentido unha pregunta no Parlamento para coñecer a realidade do que están a negociar. "Dende logo esixir a retirada do Plan non o fixo o alcalde xa que os seus compañeiros do BNG vetan a súa retirada en Santiago" sinalou o voceiro municipal.
|