|  | | | | | A revista presentarase o sábado 31 de maio no auditorio municipal de Crecente ás 20.00 horas. R.D. | | | |
A Asociación Cultural O Garabano presentará o próximo sábado 31 de maio no auditorio municipal de Crecente ás 20.00 horas o primeiro número da Revista 'O Garabano da Cultura', unha publicación que segundo o presidente da entidade, Benigno López Álvarez, "é enteiramente feita por non profesionais e aberta a participación de todas as persoas que queiran colaborar". No sumario da revista haberá seccións fixas como 'A nosa historia', 'Os nosos personaxes', 'As nosas parroquias' e 'O garabano da escola'. No mismo día, a asociación organizará unha camiñada polo roteiro do Siñor Afranio dende a ponte de Mourentán (Arbo) ata a ponte de Ribadil (Ribeira). O punto de encontro será na ponte de Ribadil ás 17.00 horas.
A Asociación Cultural O Garabano existe dende hai catro anos cando un grupo dunhas vinte persoas reuniuse na Casa da Cultura de Angudes cun obxectivo claro: promover a actividade cultural no concello de Crecente. En canto á revista a ideia xurdiu no verán do ano pasado "e tiñamos nada máis que a pretensión de facer un fancine, cun oito ou dez páxinas, pero a cousa fóisenos indo das mans e acabamos así, cunha revista de 24 páxinas".
Esta asociación fai parte tamén do colectivo 'Roteiro do Siñor Afranio', formado por máis dunha ducia de asociacións culturais dende Gondomar, Tui, Tomiño, Ponteareas, Arbo, Crecente, Ribadavia, Boborás, Terra de Montes, Silleda, Celanova e Castro Laboreiro. As consellarías de Cultura, Turismo e Medio Rural xa destinaron unha partida presupostaria para esta iniciativa.
Este colectivo ten como obxectivo crear un gran roteiro pedestre-cultural deste controvertido personaxe -Antón Alonso Ríos foi deputado, líder agrarista de Tomiño e defensor do Estatuto de Galicia-. O Garabano comprometeuse a desenvolver o tramo que vai dende a ponte de Mourentán ata o Mosteiro de Melón, pasando por toda a ribeira do Miño ao seu paso por Crecente, subindo cara á Ameixeira e enlazando na Fonte Santa co camiño que atravesa da Franqueira a Ribadavia. Nun primeiro proxecto a guía do camiño significa 83 elementos de interese.
Para o día 12 de xullo a asociación ten previsto realizar de novo a 'Baixada do Miño' en rafting con Melgaço radical e Rafting Vagoada. Esta vez, se o río o permite, se pretende fazer o tramo entre a Frieira e a ponte internacional de Arbo. |