|
O subdelegado do goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez, visitou as obras do edificio multiusos da Cañiza que, cunha inversión de 1.111.467 euros, está financiada con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local. Esta é unha das actuacións máis importantes, desde o punto de vista económico, que se está realizando no marco do Plan E na provincia de Pontevedra.
Delfín Fernández comezou a súa visita ao Concello da Cañiza, onde, logo de ser recibido polo alcalde César Mera, mantivo unha reunión cos portavoces municipais. A continuación desprazouse ás obras do edificio multiusos, que consta de baixo e tres plantas cunha superficie total de máis de 1.000 metros cadrados. O subdelegado do Goberno destacou que "o Plan E non só está permitindo crear infraestruturas senón que incide directamente no benestar dos cidadáns".
Ao Concello da Cañiza asignóuselle un orzamento de 1.185.113 euros para levar actuacións co Plan E. Ademais, do edificio multiusos presentou outro proxecto "Pavimentación do pavillón municipal da Cañiza, que cunha inversión de 70.435,42 euros xa está rematado".
Destacar, por último, que o Ministerio de Política Territorial aprobou 697 proxectos presentados por 62 concellos da provincia de Pontevedra para ser financiados con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, cun orzamento conxunto de 167.720.982 euros. |