|
O PSdeG-PSOE de A Cañiza saíu ao paso das declaracións do alcalde, César Mera, sobre o financiamento da nova depuradora para o casco urbano de A Cañiza, dicindo que falar de falta de financiamento "é un engano e unha burda manipulación", propio do "rancor" e "egocentrismo" do veterano rexedor, na liña dunha estratexia da nova Xunta de "vitimismo" de tratar de "dinamitar" as decisións positivas do anterior Executivo autonómico "que non poidan dicir que son da súa autoría".
No mesmo comunicado, os socialistas afirman que será nos presupostos do ano 2010, "que aínda están por aprobar", onde se terá que asignar partida para a depuradora de A Cañiza, "pero, se quere iniciar as obras antes de finais de este ano, unha vez finalizada a tramitación correspondente, a Xunta dispón de partida xenérica para acometer o inicio das mesmas. Polo tanto, non hai ningunha razón pola que as obras da nova depuradora non poidan comezarse este ano".
Por iso, o PSdeG de A Cañiza esixe que se poñan en marcha estas obras "porque poden darse prazos pero necesítase vontade e está claro que tanto por parte de César Mera coma da nova Xunta a intención é seguir evadindo o problema da mesma maneira que levan facendo todos estes anos".
Despois da visita oficial A Cañiza do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Juan Froján, e dos estudos por parte dos técnicos, a Consellería de Medio Ambiente tomaba a decisión política no mes novembro do ano pasado, ano 2008, da construción dunha nova depuradora e, segundo os socialistas, "de modo inmediato" comezaban a tramitación administrativa e os traballos de redacción do anteproxecto coa intención de iniciar as obras de execución a finais de 2009.
Este partido lembra que a anterior Consellería puña como requisito que as augas procedentes do polígono non poderían ir á depuradora municipal, e para facelo debían recibir un tratamento previo antes de pasar a formar parte da rede de saneamento. Neste caso, "o Concello debía facerse cargo do tratamento dos residuos do polígono, ao tratarse dun polígono municipal".
|