|
O BNG de Arbo instará o vindeiro venres, día 28, ao pleno da corporación municipal, a que se adopte o acordo de remitir á Xerencia do Catastro un escrito demandando a paralización da actualización catastral e o inicio dun novo proceso de valoración catastral que “cumpra” con todos os requisitos esixidos pola actual lexislación.
Os nacionalistas recordan, a través dun comunicado, que en virtude do artigo 27 do Real Decreto Lexislativo 1/2004, de 5 marzo, a aprobación da ponencia de valores parciais debe ser publicada por edicto no boletín oficial da provincia antes do 1 de Outubro.
Segundo o BNG de Arbo, a aprobación da ponencia de valores para o concello de Arbo apróbase o 6 de Outubro e publícase o día 30 de Outubro de 2007. Esta demora “infrinxe claramente” o precepto sinalado ademais de ter impedido aos contribuíntes ter toda a información necesaria para o mellor coñecemento da nova situación catastral. Os veciños e veciñas de Arbo atópanse así “nunha situación de inxustiza e abuso” por parte da administración local da Dirección Xeral do Catastro.
|