| |
|
| "Derrocha agarimo e sentimento -melancolía portuguesa e nostalxia galega- e o final o público sábelle a pouco o concerto". |
Era a primeira vez que actuaba en Salvaterra e no marco da I Festa do río Miño. Ela que agora está volcada e promocionar o seu sexto Cd “dúas almas do Miño”. E atopou máis de dúas almas a beira do Miño no parque público da Canuda.
Pregunta: -María, ¿satisfeita do concerto?
Resposta: -Eu sempre salgo satisfeita. Os meus concertos son así. As veces, acabo chorando e o público que canta comigo tamén. Un concerto é como unha comuñón entre o público e eu. Sempre digo que fago o amor con público cando canto. É unha unión moi grande, coma un matrimonio. (e ri coa comparanza).
-¿Cómo conseguiches aunar a nostalxia galega coa melancolía portuguesa?
Quizás porque iso dáse en min. Antes de cumprir 10 anos vin a vivir a Galicia, da man dos meus pais, moi pequeniña. Meu pai cantaba fado. Eu escoitei desde o berce fado. E, logo, en Galicia mergulleime na música popular, no pobo, na melancolía, no sentimento, da dozura que ten o idioma galego. Así fago unha mixtura entre as dúas linguas e iso da lugar a unha peculiaridade na miña maneira de cantar.
| |
| "Non me importa chorar; non me importa gritar. E todo naturalidade, non hai nada artificioso, preparado." |
¿De acordo con que ten corpo de muller con alma de fado?
Iso din. O certo é que teño moito sentimento e sempre o amoso cando subo ao escenario. Non me preocupa para nada a voz; preocúpame a miña alma e o que transmito ao público. Non me importa chorar; non me importa gritar. E todo naturalidade, non hai nada artificioso, preparado.
Hoxe había máis de dúas almas no Miño...
Nunca viñen aquí. Tiña a expectativa porque sabía que habería moita xente desexando escoitarme. E aquí, a beira do Miño, é quizais onde máis se fragua o que eu fago, as “Dúas almas do Miño”. Se cruzas aquela ponte xa están noutra lingua...
-Para rematar a festa do río, non podía haber outra actuación mellor ca túa.
Eu teño moitas música adicadas ao Miño. De feito, esta noite cantei moitas cancións dedicadas ao Miño.
| |
|
| "Eu son unha cantora do pobo, de estar dentro do pobo e que o pobo cante comigo". |
-¿Como consegues ese ambiente familiar?
Eu cando quero póñome todo o seria que quero, ausente e distante e noutro momento achégome ao público cunha música popular como se estivera no salón da casa da xente que me escoita.
¿Que hai de certo neso que din de que a túa voz cala a alma?
Din iso. Que penetra polos poros da pel. Quizá pola tesitura da voz, o matiz, a arista que ten a voz, a suavidade...
-Se nomeo a Amalia Rodríguez ¿que che ven a cabeza?
Foi o mellor que me podía pasar na miña vida. Coñecina tres anos antes de morrer. Aprendín moito dela. Deume moitos consellos como que fora sempre natural. Moita xente di, non sei se será un atrevemento, que “teño moito dela”. Na maneira de cantar. Non na voz loxicamente. Unha voz como a de Amalia... Con ela morreu ... bueno, non morreu porque segue con nós. Pero é irrepetible coma unha María Calas, Picaso. Amalia Rodríguez endexamais haberá unha igual, nen nacerá, penso. Todo o que eu aprendín dela ... penso que ata como respirar.
| |
| E atopou máis de dúas almas a beira do Miño no parque público da Canuda. |
E ¿Carlos Cano?
Carlos Cano, Amalia Rodríguez e María Dolores Pradera son os meus tres referentes que sempre escoitei e dos que me encanta a música. Carlos Cano tiven -para min foi unha mágoa grande-, que lle cantar trala súa morte. Chamáronme para cantar María a Portuguesa. Porque dicían que despois del (eu) era a persoa que máis me semellaba a el cantando María a Portuguesa. E bueno, ... na copla foi o mellor e eu tamén é unha das persoas coas que me identifico cando canto.
-Outro personaxe xigantesco Juan Pablo II, ¿que pasou naquel concerto do 2004?
Pois que fun cantar o avemaría de Shoubert a Castelgandolfo. O papa estaba maliño. ¡Pobriño! Aínda así escoitou, encantoulle e de aí saíu un disco coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Se digo que aquel concerto foi unha das experiencias que máis me marcaron na miña vida, non se creerá. Sen ser unha persoa moi practicante anque si relixiosa, a min ese home cativoume tan só coa súa presenza. En verdade era un home santo.
| |
|
| "Amalia Rodríguez endexamais haberá unha igual, nen nacerá, penso. Todo o que eu aprendín dela ... penso que ata como respirar". |
¿Como recibiches a nova do seu pasamento?
Sentino moito. Eu xa o sabía. Son unha persoa... Eu vin o maliño que estaba e imaxinei que non lle quedaba moito tempo de vida. E supuña naquel momento que estaba cantando que xa non lle volvería a ver máis. Moita magoa. Como todas as persoas que medianamente cren sabían que era un home santo.
¿Qué proxectos alberga María do Ceo?
Eu teño agora o disco ‘Dúas almas do Miño’ con letras de Moncho Borrajo e música de Arlindo de Carvalho. Ese disco teño moito que promocionalo, que vendelo. Ademais xa teño en miras un disco todo de música popular. Eu son unha cantora do pobo, de estar dentro do pobo e que o pobo cante comigo. E coidado que a versión popular non é popularucha.
| |
| O público tamén cantou con ela. |
E gústame identificarme coas música de toda a vida que a xente coñece. Cando eu canto nun concerto ‘Habemos de ir a Viana’ ou ‘O sancristán de Coimbra’, arraso. Iso temos que acostumados a facer o que o público quere facer. E iso é o que ao público lle gusta aínda que eu me mate cantado fados dificilísimo de cantar. O publico o que lle gusta e a música popular e para o meu público vou facer un disco de música popular.
Remata a entrevista mentres os seus fans agardan fóra da caravana impacientes para que lles dedique os CDs. María do Ceo cantou en Salvaterra á beira do Miño as músicas dese río que cada vez máis xungue dúas realidades chamadas a unha relación tamén cada vez máis estreita.
|

|
| "Non me preocupa para nada a voz; preocúpame a miña alma e o que transmito ao público". |
|

|
| A parte central do parque público da Canuda estaba a rebosar de xente. |
|

|
| O concello de Salvaterra obsequioulle cun ramo de flores ao final do concerto. |
|

|
| "En Galicia mergulleime na música popular, no pobo, na melancolía, no sentimento, da dozura que ten o idioma galego". |
Texto e fotografías: Roberto Ledo.